Sunday 19 de May de 2024

Mato Otero avanza a licitación por case 1,8 millóns de euros en actuacións de prevención e xestión dos residuos industriais


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destaca que estes contratos destinaranse a actuacións para mellorar a xestión dos residuos da construción e demolición, sanitarios, aparellos eléctricos e electrónicos e buques e embarcacións ao final da súa vida útil

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, avanzou esta mañá que o departamento que dirixe licitará nos próximos meses dous contratos para desenvolver actuacións en materia de prevención e xestión de residuos industriais.

Así o puxo de manifesto na clausura dunha xornada sobre o Plan de xestión de residuos industriais 2016-2022, onde detallou que se licitarán contratos para a execución de medidas de prevención e formación, minimización dos residuos e aposta polo ecodiseño no sector produtor e tamén accións para mellorar a xestión dos residuos segundo a súa tipoloxía (residuos da construción e demolición, sanitarios, aceites usados, aparellos eléctricos e electrónicos, buques e embarcacións ao final da súa vida útil).

Unha serie de actuacións que se sumarán as primeiras xa postas en marcha, coa a eliminación dos pneumáticos históricos, amoreados en Fene e As Somozas -de onde xa se retiraron- e A Laracha, onde se continúa cos traballos, nos que se investiu un importe de 2,4 millóns de euros.

A conselleira de Medio Ambiente destacou dous dos obxectivos que establece o Plan de residuos industriais de Galicia: reducir os efectos a nivel de cambio climático e tender ao establecemento da economía circular. Nese sentido, recordou que a Xunta conta con tres estratexias para acadar ditos obxectivos, como é a Estratexia Galega de Cambio Climático.

Unha folla de ruta na que se fixan liñas de actuación que se deben poñer en marcha a máis longo prazo, horizonte 2050, para loitar fronte ao cambio climático. Indicou que levará aparellada a elaboración dun mapa de coñecemento en cambio climático, que permitirá a Galicia contribuír, de forma coordinada, realista e eficiente, a combater as causas que alimentan o cambio climático, polo que animou aos axentes implicados a participar na súa definición.

Este mesmo ano se iniciará a Estratexia Galega de Sustentabilidade Ambiental e Economía Circular, que terá unha vixencia de 8 anos, ata o 2025, e que se centrará en crear unha economía eficiente, sustentable e baixa en emisións de carbono.
A terceira será a Estratexia Galega de Economía Circular e -tal e como defendeu a conselleira- hoxe a única opción de futuro, ao basearse na premisa de converter os residuos en recursos. Indicou que este modelo permitirá que a eficacia e a eficiencia se convertan na clave no uso dos recursos, ao engadir ás catro erres tradicionais outras tantas, como repensar, redeseñar, refabricar, redistribuír…

Defendeu que este modelo ten dúas grandes vantaxes, o potencial de resolver retos ambientais e proporcionar oportunidades de negocio e crecemento económico e recordou que Galicia asumirá un papel importante ao coordinar -xunto con Cataluña e Valencia, un grupo de traballo de economía circular e fondos europeos.

Destacou que Galicia non se pode quedar atrás e por iso xa se empezan a dar os primeiros pasos para implantar a economía circular.